Friday 17 de May de 2024

O presidente da Xunta resalta que en 2015 a Axenda Tributaria de Galicia “logrou máis ingresos, máis comprobacións e máis facilidades para que os cidadáns poidan cumprir coas súas obrigas”


A Atriga conseguiu que aflorasen 150 millóns de débeda non declarada e que crecese un 20 por cento o importe obtido polo labor de inspección, que o ano pasado ascendeu a 39,3 millóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, fixo balance das actuacións de control que levou a cabo a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) no ano 2015. “Logrou máis ingresos, máis comprobacións e máis facilidades para que os cidadáns poidan cumprir coas súas obrigas”, subliñou.

Así, a Atriga conseguiu que aflorasen 150 millóns de débeda non declarada e que crecese un 20 por cento o importe obtido polo labor de inspección, que o ano pasado ascendeu a 39,3 millóns. Esta Axencia encárgase principalmente de recadar o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD) e o de sucesións e doazóns (ISD).

“Logramos máis ingresos porque, en termos homoxéneos, ingresamos un 14 por cento máis que en 2014 —explicou Feijóo—. Máis comprobacións porque revisamos case 265.000 autoliquidacións de impostos, un 2 por cento máis que en 2014, aínda que nese ano houbo un plan especial de control”. Isto supón que cada semana os traballadores da Atriga comproban máis de 5.000 autoliquidacións.

Ademais, o xefe do Executivo autonómico lembrou que a Axencia Tributaria galega concedeu máis facilidades aos cidadáns, pois o importe dos aprazamentos e fraccionamentos ascendeu a 24,5 millóns. Así, desde o pasado sábado, a cantidade pola que os contribuíntes poden pedir que se aprace ou fraccione o pagamento dun imposto sen ter que presentar unha garantía ascendeu de 18.000 a 30.000 euros. Desde 2009, a media anual de aprazamentos ascende a 23,7 millóns, máis do dobre que entre 2005 e 2008. “Durante a crise económica houbo un incremento do número de aprazamentos, pero desde o ano pasado estamos nunha etapa de meseta onde xa non están aumentando as solicitudes de pagamento fraccionado. No 2015, de feito, son menos ca no 2014”, indicou o presidente.

Os galegos responderon a estas facilidades e demostraron que, maioritariamente, “son bos pagadores”. O 88 por cento das autoliquidacións do ano pasado eran correctas e non tiveron que ser modificadas. Nos casos que había erros, a Atriga practicou unha liquidación.

Baixadas de impostos
“Os galegos cumpren axeitadamente e nós tamén intentamos cumprir cos galegos coa maior baixada de impostos nun só ano da historia da autonomía”, dixo Feijóo. Convertémonos nunha das comunidades co IRPF máis baixo para as rendas medias e baixas e eximimos do pagamento do imposto de sucesións e doazóns ao 99 por cento dos cidadáns que reciban herdanzas como pais, fillos, netos, avós e cónxuxes e permitimos que o 1 por cento restante pague menos.

Ademais, implantamos o programa de impostos cero no rural, que supón a eliminación do ITP para transmisións de predios, solo rústico e explotacións agrarias e a ampliación destas últimas e a supresión do imposto de actos xurídicos documentados para as agrupacións de predios rústicos. “Esperamos e desexamos que isto vaia mobilizando terras e ordenando de forma correcta con todas as facilidades tributarias o noso rural”, concluíu.